Parolando

Axuda

Que é Parolando

Parolando é un chat cifrado de punta a punta: as mensaxes, fotos e ficheiros cífranse no teu teléfono e só se descifran nos dispositivos das persoas coas que falas. Este servidor só garda e reenvía datos cifrados; non pode ler as mensaxes, e quen o administra tampouco.

Crear unha conta

Necesitas un código de invitación (pídello a quen administra o servidor), un correo electrónico e unha app de autenticación no teléfono. Podes crear a conta na app ou na páxina «Crear unha conta».

Confirmas o correo cun código que che enviamos, e escolles tres preguntas de seguranza coas súas respostas: servirán para recuperar a conta se esqueces o contrasinal. Garda as respostas en lugar seguro.

A verificación en dous pasos é obrigatoria: ademais do contrasinal, para entrar pídese un código de 6 cifras que cambia cada 30 segundos na app de autenticación (por exemplo Aegis, FreeOTP ou Google Authenticator). Así, quen descubra o teu contrasinal aínda non pode entrar.

Ao rematar, enviámosche unha ligazón cos teus códigos de recuperación. Ábrea (pide o contrasinal) e garda os códigos: só se mostran unha vez.

Descargar as aplicacións

Entrar nun dispositivo novo

Instala a app (páxina «Descargar as aplicacións»), escribe o enderezo do servidor, o teu nome de usuario, o contrasinal e o código da app de autenticación. Cada dispositivo ten as súas propias chaves de cifrado.

Perdiches o teléfono coa app de autenticación

Entra cun dos teus códigos de recuperación no canto do código de 6 cifras (cada un serve unha vez). Para usar a app de autenticación nun teléfono novo, nos axustes da app desactiva a verificación en dous pasos (cun código de recuperación) e actívaa de novo; despois, en «A miña conta», fai códigos novos se che quedan poucos.

Esqueciches o contrasinal

Recupera a conta na app ou na páxina «Recuperar unha conta». Necesitas acceso ao correo da conta (enviámosche unha ligazón e un código) e as respostas ás túas tres preguntas de seguranza. Despois escolles un contrasinal novo e configuras de novo a app de autenticación.

Unha recuperación fai saír a conta de todos os dispositivos: entra de novo neles co contrasinal novo. Tres respostas incorrectas bloquean a recuperación durante 24 horas.

7 días despois de cambiar os correos ou as preguntas de seguranza, a conta non se pode recuperar: é unha protección por se alguén entrou co teu contrasinal.

Recuperar unha conta

As mensaxes antigas

Despois dunha recuperación, ou nun dispositivo novo, as mensaxes antigas só se poden recuperar desde a copia de seguranza cifrada da app, co seu propio código de recuperación da copia. Ese código é distinto dos códigos de recuperación da verificación en dous pasos, e sen el ninguén pode abrir a copia: nin o servidor nin quen o administra.

Quitar un dispositivo perdido

En «A miña conta» (ou desde outro dispositivo que teñas na app) podes quitar un dispositivo: deixa de recibir mensaxes e a súa sesión péchase. Se cres que alguén sabe o teu contrasinal, cámbiao tamén.

Stickers

Os paquetes de stickers de Telegram cópianse a este servidor unha vez. Na app, conecta Telegram nos axustes dos stickers e reenvía ao bot calquera sticker do paquete que queiras (ou pega a ligazón do paquete). Os chats nunca pasan por Telegram.

Ticks e «en liña»

A app pode mostrar cando alguén está en liña ou se conectou por última vez, e os ticks de lido. Podes agochalos nos axustes de privacidade da app; se agochas os teus, tampouco ves os dos demais. Só se mostran entre persoas que xa se escribiron.

Privacidade

O servidor garda: as mensaxes cifradas mentres agardan a ser entregadas (bórranse ao recibilas), as chaves públicas dos dispositivos, as copias de seguranza e os adxuntos cifrados, quen escribe a quen (para entregar as mensaxes e para o «en liña»), os teus correos, e o contrasinal e as respostas só como resumos que non se poden reverter. Nada do que escribes se pode ler no servidor.

Contacto

Se isto non che axuda, pregunta a quen che deu o código de invitación.

Inicio